Saltar ao contido principal
Xornal
Portada CD Lexigal Primaria
Portada CD Lexigal Primaria

Título: Lexigal Primaria. Diccionario de frecuencias léxicas do galego escrito para nenos

Autor: Mª Carmen Teijido López, Mª Luz Pérez Vázquez e Isabel Fraga Carou

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2003

As profesoras Mª Carmen Teijido López, Mª Luz Pérez Vázquez e Isabel Fraga Carou presentaron esta mañá no Colexio de Fonseca o CD-Rom 'Lexigal Primaria. Diccionario de frecuencias léxicas do galego escrito para nenos' do que son autoras. Ao acto, presidido pola vicerreitora Mar Lorenzo, asistiron ademais o director do ICE, Miguel Santos Rego, e o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo.

A elaboración do diccionario comezou co escaneado de todos os libros e publicacións dirixidos a nenos de 0 a 12 anos publicados entre 1985 e 1999 dos fondos da Biblioteca Nova 33 de Santiago, que dispón de practicamente a totalidade dos libros infantís publicados en galego. Os textos escaneados, descartadas as traducións, abarcan distintos estilos literarios como narrativa, poesía, teatro e comic, ademais de textos escolares, concretamente todos os de Primeiro a Sexto de Primaria de Lingua Galega e Coñecemento do Medio, por ser estas as dúas únicas materias que é obrigado impartir en galego. Mentres que os libros destinados a primeiros lectores (de 0 a 5 anos) foron escaneados na súa totalidade, dos destinados a rapaces 6 a 12 anos escaneáronse ao chou diferentes páxinas de cada un deles, recolléndose unha media de seis mil palabras por libro.

Segundo as autoras, o diccionario será de grande utilidade en distintos eidos como a investigación psicolingüística para a selección de estímulos para os experimentos ou a sociolingüística "para facer, por exemplo, comparacións destas frecuencias coas das palabras na fala dos nenos ou coas frecuencias nos textos escritos para adultos", así como para desenvolver traballos de investigación acerca do coñecemento real ou manexo que os rapaces fan desas palabras.

Tamén no ámbito educativo o diccionario pode ser de grande axuda como guía para a ensinanza de vocabulario básico do galego, xa que proporciona un repertorio de palabras axeitadas a cada tramo de idade de forma que os educadores poden escoller palabras que, pola súa frecuencia, resulte conveniente ir incorporando ao vocabulario dos nenos. Finalmente, como indican as autoras, este diccionario resultará útil aos profesionais que traballan no ámbito clínico ou de reeducación dos trastornos da linguaxe para a elaboración de materiais en lingua galega tanto de diagnóstico como de tratamento.

O CD permite traballar coa base de datos en dúas versións, unha para Access 97 e outra para Access 2000, funcionando ambas as dúas do mesmo xeito.