Saltar ao contido principal
Xornal  »  Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)
Portada de Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago
Portada de Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago

Título: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)

Autor: Ricardo Gurriarán

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2006

O libro presentado forma parte da tese de doutoramento do mesmo autor sobre ‘A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas. A ruptura da Guerra Civil’. No seu conxunto e segundo expuxo o autor, a obra demostra que o momento científico de máximo esplendor da institución compostelá naquela época abrangue de 1930 a 1934 coincidindo coa chegado de profesorado mozo, a II República e a xestión do reitor Rodríguez Cadarso. “Será neste momento cando a Universidade de Santiago vai mudar cara a unha modernización institucional, conectando coa comunidade científica internacional libre de corsés ideolóxicos”.

Como indicadores deste cambio de orientación da academia compostelá, Ricardo Gurriarán sinala o acceso da muller á docencia, a presenza dos investigadores santiagueses nas principais publicacións científicas españolas e estranxeiras, a apertura de liña de investigación propias ou a aplicación de proxectos científicos á industria galega. Neste contexto “o perfil dos profesores que acaban de chegar –subliña Gurriarán- vai marcar unha nova impronta nas aulas, dende o cambio das relacións alumno-profesor ata o compartimento común do lecer, pasando pola aplicación da metodoloxía activa e a investigación, xerando unha eclosión de expectativas de cambio que axiña se van visualizar”.

As expectativas do novo réxime e a “republicanización-galeguización” do grupo máis innovador de docentes, engade Ricardo Gurriarán, “fixo que estes se comprometeran na xestión modernizadora emprendida polo reitor Rodríguez Cadarso, cunhas consecuencias inimaxinables”. Entre elas o autor apunta a creación de institutos de investigación, a conexión científica con Portugal, a materialización da nova cidade universitaria, presenza de Premios Nobel nas publicacións universitarias, optimización de recursos ou a duplicación de orzamentos para a investigación.

Este grupo de universitarios que lideraron a innovación institucional, entre os que se atopan Parga Pondal, Calvet, Martín Sauras, Charro, Puente, logo do golpe de 1936, “son os que van sufrir as consecuencias directas da sublevación co seu apartamento da docencia pola súa implicación anterior”, subliñou Gurriarán.

Este último aspecto, a depuración do profesorado da USC, ocupa a última parte da publicación, analizando polo miúdo “cada caso e cada unha das tres vagas represivas, a represión indiscriminada dos primeiros momentos, a oficialización da represión e a da ‘vitoria’”. A obra significa tamén “as resistencias corporativas dende a propia institución universitarias para os procedementos sancionadores e as colaboracións”, ao tempo que subliña que “a de Santiago é a única universidade española onde non hai asasinatos entre o profesorado”.