Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de A lingüística galega desde alén mar
Portada de A lingüística galega desde alén mar

Título: A lingüística galega desde alén mar

Autor: Gabriel Rei-Doval (editor)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2009

O volume, que supón o número 186 da colección Cursos e Congresos do Servizo de Publicacións da USC, quere contribuír ao fecundo campo da lingüística galega desde unha perspectiva ampla e multidisciplinar. Xestadas as diversas contribucións nalgúns casos desde Europa e noutros desde as Américas do Norte e o Sur, a publicación serve para consolidar os estudos galegos desde a perspectiva global e transatlántica na que foi concibida.

Para Rosario Álvarez, o progreso do galego e da súa investigación científica debe realizarse en Galicia e fóra, “onde hai unha semente que frutificou moi ben dando lugar, por exemplo, a este volume”. No mesmo senso pronunciouse Cidrás, para quen é preciso “recoñecer a débeda histórica que a lingua galega ten cos que traballaron con ela alén do mar”. A obra, afirmou, é unha peza importante “na visualización do galego no eido internacional”.

Pola súa banda, o coordinador da edición, Gabriel Rei-Doval, centrou a súa intervención na situación actual do galego, que “cun estándar xa establecido ten que enfrontarse a forzas endóxenas”. O libro, dixo, “é unha mostra de que no mundo globalizado hai un espazo para o galego, que debe ser un factor de unión dentro de Galicia e no eido internacional”. Aproveitou tamén para reclamar dos políticos a defensa do noso idioma, “co que estamos no mundo, en todos os continentes”, á vez que lles advertiu da necesidade de sentar as competencias en lingua galega en materia educativa.

A edición da obra, promovida polo Instituto, o Departamento universitario e a Asociación Internacional de Estudos Galegos, ten a súa orixe nas contribucións presentadas ao VIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos celebrado na Universidade Federal da Bahia (Salvador, Brasil) en setembro de 2006. 

Cunha introdución a cargo de Gabriel Rei-Doval, o libro estrutura os artigos dos 21 autores en seis apartados dedicados a Sociolingüística, estandarización e glotopolítica; Etnolingüística e pragmática; Lingüística aplicada; Estilística, sintaxe e semántica; Historia e dialectoloxía; e Lingua e estudos galegos no exterior.