Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de El cancionero profano de Alfonso X el Sabio. Edición crítica, con introducción, notas y glosario
Portada de El cancionero profano de Alfonso X el Sabio. Edición crítica, con introducción, notas y glosario

Título: El cancionero profano de Alfonso X el Sabio. Edición crítica, con introducción, notas y glosario

Autor: Juan Paredes

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2010

O discurso poético de Alfonso X o Sabio aparece vertebrado na súa dobre vertente relixiosa e profana. A disparidade de ambas facetas, tanto dende o punto de vista da transmisión textual como da amplitude do corpus, determinou un tratamento crítico moi distinto. Mentres as Cantigas de Santa María coñeceron numerosos estudos e edicións, as profanas non mereceron a mesma atención dos estudosos, que apenas deixaron algunhas edicións parciais e fragmentarias de cantigas illadas e estudos particulares. Esta edición do cancioneiro profano de Alfonso X subsana tal desequilibrio e aborda o estudo global da poesía do Rei Sabio e a análise das súas converxencias temático-formais. 

Juan Paredes é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Granada. Conta con numerosas publicacións sobre as formas narrativas breves na literatura románica medieval, un dos seus campos de investigación máis relevantes. Hai que destacar neste sentido os seus traballos sobre as narracións dos Livros de Linhagens, as novelle de Boccaccio ou os dedicados aos temas terminolóxicos e de tipoloxía. No ámbito específico da lírica galego-portuguesa realizou diversos estudos, centrados de maneira fundamental nas cantigas de escarnio e maldecir e cos problemas ecdóticos e hermenéuticos, que culminaron coa presente edición crítica.