Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo
Portada de Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo

Título: Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo

Autor: Iria Presedo Martínez

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2011

Esta obra, que foi galardoada co I Premio ‘Xohana Torres’ de Ensaio no ano 2010, trata cuestións como disforia de xénero; estróxenos; bisturí; sexo; dominación; subxectividades de fronteira; heteronormatividade e inxustiza. Milleiros de corpos sofren a condena dun espolio identitario provocado polo aparello de disciplinamento de xénero normativo, característico das institucións psiquiátricas e as prácticas propias do biopoder contemporáneo. Dende a diferenza e eclosionado nas marxes, están elas, as transféminas, facendo arder ao mesmo lume que as consume. Enfrontándose dende o cotián as ponzoñentas raíces patriarcais que as queren ancorar e mutilar o seu ser, elas atópanse mudando os termos, mudando os tempos. Con elas esta é a loita de todas.

Iria Presedo Martínez (1986-Sada, A Coruña) desenvolve diferentes actividades relacionadas directamente coa participación cidadá naquelas cuestións relacionadas coa mellora das condicións en materia de dereitos, conservación, difusión ou reivindicativas dos aspectos ‘esquecidos’ do social. En suma, na contra das perspectivas uniteralistas e pechadas da noción do outro. Titulada como Técnico en Farmacia, compatibiliza estudos de carácter sanitario co labor de investigadora. Asemade realizou diferentes traballos vinculados a formación en materia de voluntariado e acumulou experiencia como traballadora en institucións psiquiátricas, dende onde se asentaron as bases reais do seu posicionamento contrario ás prácticas rutinarias comúns a parte desta disciplina. Durante os anos de formación académica tivo a oportunidade de recibir aulas de dúas excepcionais investigadoras en materia de xénero coma son Teresa Moure e Mª Xosé Agra.