Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Obradoiro de Historia Moderna. Núm. 20/2011
Portada de Obradoiro de Historia Moderna. Núm. 20/2011

Título: Obradoiro de Historia Moderna. Núm. 20/2011

Autor: Varios

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela

Lugar e ano: Universidade de Santiago de Compostela 2011

O volume número 20 da revista Obradoiro de Historia Moderna é un monográfico composto por unha serie de estudos elaborados por especialistas de distintas universidades españolas e portuguesas que trata o tema ‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’.

Entre os asinantes do artigos incluídos atópanse expertos como José Martínez Millán (Universidade Autónoma de Madrid), Eliseo Serrano Martín (Universidade de Zaragoza), José Pedro Paiva (Universidade de Coimbra), Roberto Javier López (Universidade de Santiago de Compostela), José Jaime García Bernal (Universidade de Sevilla) ou Antonio Presedo Garazo (Universidade de Vigo), entre outros.

Nos textos propostos abórdanse cuestións relativas ao papel histórico que na sociedade española e galega do Antigo Réxime xogou a imaxe do rei nas celebracións e cerimonias públicas, a arte como elemento propagandístico do poder, o impacto da propaganda na cultura da guerra ou a traxectoria da opinión política na España moderna. 

Obradoiro de Historia Moderna, de periodicidade anual, é unha revista destinada a ampliar e difundir o coñecemento científico no terreo da Historia Moderna, cunha especial atención ao ámbito galego. Tematicamente, dedícase a todos e cada un dos eidos de estudo do modernismo e vai dirirxida a investigadores, historiadores profesionais, estudantes e todas aquelas persoas interesadas no coñecemento científico do pasado.

Esta revista é unha das dúas ás que a Universidade de Santiago ten outorgado o selo de calidade ‘ USC, editora’ e goza dun recoñecido prestixio tanto no ámbito nacional como internacional.