Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Boletín Galego de Literatura. Nº 44. 2º semestre 2010
Portada de Boletín Galego de Literatura. Nº 44. 2º semestre 2010

Título: Boletín Galego de Literatura. Nº 44. 2º semestre 2010

Autor: Varios

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2011

O Boletín Galego de Literatura é unha revista literaria semestral editada pola Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 1989 e redactada enteiramente en lingua galega. Acolle artigos de crítica e historiografía sobre calquera literatura do mundo e tamén traballos de investigación en Teoría da Literatura, Crítica Literaria, Poética, Retórica, Hermenéutica, Semiótica,etc., é dicir, todo o amplo campo de coñecemento de tan longa tradición como o desenvolvido ao redor do feito literario nun senso amplo.

O nº 44, do segundo semestre de 2010 contén tres estudos: ‘Memoria, oralidade e escritura. Sobre literatura oral e literatura escrita’ de Pedro C. Cerrillo; ‘Lirismo e alteridade : uma leitura da trajetória poética de Helena Villar Janeiro’ de Henrique Marques Samyn e ‘Canción do sur, unha obra singular de Walt Disney’ de María Míguez López.

O volume tamén inclúe notas como ‘Un exemplo de protohipertextualidade: Terminal de Xelís de Toro’ de Iria Castro López; ‘Peripecia (parcial) do “Chamamento” de Novoneyra’ de Anxo Tarrío Varela ou ‘Escura nova dun poema monoversal: Nunca eu fun como te amo’ de Luís Cochón; entre outros.

O encontro ‘Con Lupe Gómez en Santiago de Compostela. A escritora e a viaxe’ de Manuela Palacios González e o documento ‘Correspondencia Camilo J. Cela-María Zambrano’ de Mº. Aránzazu Serantes López; unha creación dedicada a Uxío Novoneyra, a bibliografía sobre Uxío Novoneyra de Esther de León Viloria, ademais dunha relación de trece libros están incluídos tamén neste número do Boletín Galego de Literatura.