Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Historia de la Galicia Moderna
Portada de Historia de la Galicia Moderna

Título: Historia de la Galicia Moderna

Autor: Isidro Dubert (Coordinador)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2012

O libro compila os resultados máis sobresaíntes da investigación que os historiadores e historiadoras galegas realizaron ao longo dos últimos 25 anos no campo da historia moderna de Galicia. Cun prefacio de Isidro Dubert, o volume comeza cun artigo de Ofelia Rey Castelao que explica o contexto de conformación do reino de Galicia e das sinais propias de identidade. Camilo Fernández Cortizo achega as causas históricas do desequilibrio poboacional galego sobre o territorio e o diferente grao de urbanización, á vez que profunda no asunto da mobilidade e as migracións.
 
‘A familia e as idades da vida’ é o título da colaboración que asinan Hortensio Sobrado Correa e Isidro Dubert e na que mostran os cambios básicos sufridos en función do lugar onde residían os cabezas de casa e a súa posición social, o papel da muller ou o funcionamento do servizo doméstico. Pola súa banda, Pegerto Saavedra ensina a importancia que na época moderna exerceu “a mirada allea” na creación dun estereotipo “negativo” social e cultural sobre a xente galega que contrastaba “coa tozudez dunha realidade histórica manifestamente positiva e favorable no eido vital, demográfico ou económico”.
 
Continúa o volume con achegas de Isidro Dubert sobre o mar e o comercio e de Vítor Migués e Andrés Presedo sobre o mundo dos privilexiados, con atención aos pazos e as casas fidalgas ou ao alto e baixo clero secular, entre outras cuestións.
 
Os órganos de poder real e señorial que había en Galicia e as implicacións derivadas da relación que o reino mantivo coa monarquía española son estudadas por María del Carmen Saavedra Vázquez, mentres que Roberto López atende aos máis variados aspectos da cultura material e a cultura letrada, con especial atención á relixiosidade, ao control ideolóxico, á moral, ás institucións de ensinanza e á Ilustración.
 
O libro remata cunha síntese das últimas grandes liñas de investigación desenvolvidas polo grupo de Historia Moderna da Universidade de Santiago.