Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Lume de vidas
Portada de Lume de vidas

Título: Lume de vidas. Valentín Paz-Andrade-Ramón Otero Pedrayo: un diálogo epistolar (1925-1976). Día das Letras Galegas 2012

Autor: Henrique Monteagudo e Denis Vicente (Editores)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2012

 Sempre teu irmán.

Ramón Otero Pedrayo
 
Esa despedida coa que Ramón Otero Pedrayo congratulaba ao seu amigo Valentín Paz Andrade nunha carta con data de marzo do 76, converteuse na derradeira dunha extensa relación epistolar. En Lume de Vidas, Henrique Monteagudo e Denis Vicente recollen e ordean a correspondencia entre estas dúas senlleiras figuras da ‘Xeración do Abrente’, coincidindo co Día das Letras Galegas no que se homenaxea ao intelectual, escritor e empresario galeguista. Unha escolma de oitenta e seis cartas que abranguen dende o ano 1925 ao 1976, e que compoñen a intrahistoria do galeguismo interior e a súa relación co exterior, sobre todo coa capital galega da diáspora, Bos Aires. Dende a ditadura de Primo de Rivera á Transición, pasando polos anos da II República e a longa noite de pedra do Franquismo.
No primeiro feixe de misivas, Unha cousa verdadeiramente periodística, Paz Andrade diríxelle seis cartas a Otero para dar conta do seu traballo á fronte do diario Galicia, do que foi director e propietario. Na última mensaxe, coincidindo co ano 1929, o emprendedor pontevedrés proponlle ao señor de Trasalba a creación dunha especie de axencia literaria para introducir a alma galeguista no Faro de Vigo e La Voz de Galicia, os dous diarios de maior difusión, mediante artigos regulares de intelectuais galegos. Contaría, ademais de cos dos dous interlocutores, coa colaboración de Risco, Castelao, Xaime Quintanilla e Roberto Blanco Torres. Para non erguer sospeitas, só a metade deles serían en galego. Unha curiosa iniciativa coa que Paz Andrade pretendía sacar por artigo “12,50 ou 15 pesetas”.
A partir do ano 1930 e ata o 33, as cartas agrúpanse baixo o nome de Espertar caladamente a nosa inquedanza. Coincidindo cos derradeiros coletazos da ditadura de Primo de Rivera, a temática entre os dous intelectuais versa sobre os diversos aspectos da política galeguista, que comeza a artellarse a partir da VI Asemblea das Irmandades da Fala, celebrada en abril de 1930. O propio Otero chega neste período a ser deputado nas Cortes republicanas constituíntes, e Paz Andrade sofre un atentado na rúa Príncipe de Vigo, do que informa ao seu amigo. En plena efervescencia cultural e política, coa arelanza de tempos democráticos republicanos no que trunfe a Autonomía de Galicia, Paz Andrade e Otero Pedrayo comézanse a atuar.
A Guerra Civil e os primeiros anos do Franquismo foron, de seguro, anos de terror. Hai un parón na relación escrita entre os dous intelectuais que se retoma en 1946, coincidindo coa viaxe que ambos emprenden –en tempos distintos- a Arxentina, coa finalidade de participar nos faladoiros do Centro Galego de Buenos Aires. A través das epístolas de Otero coñecemos a situación do galeguismo exterior, encarnado na figura de Castelao, do que se despide por derradeira antes de volver á Terra. Este terceiro capítulo (1946-50), Embaixador da saudade, remata cos parabéns de Paz Andrade a Otero por conseguir a cátedra de xeografía na Universidade compostelá.
O Madurecer dos días (1952-69) recolle as cartas da etapa de plenitude vital de Paz Andrade e a senectude de Otero Pedrayo. No trasfego de cartas sucédense feitos e publicacións que marcan a vida dos dous personaxes: a entrada na Academia de Paz Andrade, os seus primeiros artigos en torno á economía pesqueira, a publicación de Galicia como Tarea,  Pranto Matricial e Sementeira do Vento. O escritor trasalbés presume neste período do seu nomeamento como cronista oficial da cidade de Ourense e da publicación de varios poemarios e o seu ensaio sobre o Padre Feixoo.
O derradeiro monllo de epístolas, que abrangue dende o 1970 até o 1976 –ano da morte de Otero-, ten un claro compoñente persoal. Multiplícanse as expresións de cariño, marcadas polo nacemento de Afonso, o fillo de Paz Andrade, e a morte da compañeira de Pedrayo. Un intercambio de expresións entre amigos que reconstrúe a historia do galeguismo dende a pluma de dous ilustres persoeiros que compartiron arelas, soños e proxectos para un país aínda no abrente.

Alexandre Vázquez Lorenzo