Saltar ao contido principal
Xornal
Portada Antidoron: Homenaje a Juan José Moralejo
Portada Antidoron: Homenaje a Juan José Moralejo

Título: Antidoron: Homenaje a Juan José Moralejo

Autor: Varios

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2011

O presente libro supón unha emotiva homenaxe a Juan José Moralejo, catedrático de Lingua e Literatura Grega na  Universidade de Santiago, na que exerce docencia dende o ano 1971. Deste xeito, ao longo de case seiscentas páxinas, diversos devotos da figura de Moralejo (na meirande parte compañeiros do propio Departamento compostelán de Latín e Grego) reúnense para ofrecer unha serie de artigos que serven de homenaxe á figura dun dos galegos máis entendidos no eido clásico. 

Son en total corenta e seis pequenos textos onde se reflexionan sobre cuestións eminentemente etimolóxicas, se ben tamén hai oco para cuestións literarias e/ou mitolóxicas gregas. Deste xeito, altérnanse artigos onde se fala de cuestións puramente literarias –como o texto de Mª Teresa Amado, onde se intenta esclarecer a orixinalidade de Matrón de Pitane na creación de vocabulario novo- con outros tan dispares e que versan de vestixios romanos–José Mª Anguita ofrece un traballo de investigación sobre o Disco do Crismón Quiroga, un monumento da época paleocristián.

Existe unha preponderancia latente de textos de carácter etimolóxico sobre os que tratan temas máis relativos á cultura grecolatina. Así, as achegas de Ramón Baltar, Xaverio Ballester, Alberto Bernabé, José Virgilio García, etc. Levan xa o contido etimolóxico dende case o propio título do texto. Este feito pode ser aproveitado para achegar cuestións filolóxicas aos lectores, que poden empaparse de coñecementos de man de reputados profesionais no tema. 

Por outro lado, se ben trátase dun libro de artigos pechados, que non gardan un fío común máis aló do tema en xenérico e de seren un homenaxe ao autor, todos os artigos transcenden por si mesmos. Polo tanto, a lectura dos textos supón un verdadeiro goce. Por exemplo, no texto escrito por Mª Cruz Herrero Ingelmo e Enrique Montero Cartelle relativo ao complexo de Antígona e de Ismene os autores reflexionan de cómo o termo “complexo” adquiriu relevancia moderna dende a psicanálise desenvolto por Sigmund Freud, onde se fixo eco o sobrenome de complexo de Edipo. Así, os autores fan referencia ás orixes da escolla do nome por parte de Freud, e da existencia de outros como o complexo de Caín ou o de Laio.

Outro texto que sirva de evidencia da calidade do libro é o que estuda a presenza e papel dalgúns autores gregos como fonte da Celestina comentada, un importante comentario do século XVI ou o que leva por título Xustiza e lei en Contra Androción de Demóstenes. Neste artigo, María José Martín Velasco relata como na Atenas clásica os posibles candidatos a seren xuíces estaban obrigados a xurar que votarían en conformidade coa lei, tendo en conta a equidade e limitándose a xulgar o tema en cuestión.

Por último, o que fala sobre Quevedo e as súas influencias clásicas, evidenciando tal hipótese  mediante a interpretación de dous sonetos seus resulta de suma relevancia, así como todos os relativos a análise de textos clásicos, manuscritos ou sobre aspectos históricos como a colonización grega en Iberia.

En definitiva, atopámonos ante unha estupenda homenaxe á figura de Juan José Moralejo feito con moito agarimo e esmero por un bo grupo de amigos e xente que o admira polo que é: un amante da cultura clásica.

Lorenzo Chedas Redondo