Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Poemas de amor, loanza, condena e outros
Portada de Poemas de amor, loanza, condena e outros

Título: Poemas de amor, loanza, condena e outros

Autor: Xoán Xosé Fernández Abella

Editorial: Follas Novas Edicións

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2011

“Poemas de amor, loanza, condena e outros” é unha antoloxía poética dividida en catro tempos que recolle boa parte dos versos escritos por Fernández Abella dende 1955. Neste cuarto libro de poemas, e segundo escrito integramente en galego, o poeta de Monforte cántalle á terra e á lingua e berra en contra das inxustizas e da guerra.

A obra, prologada por Alonso Montero, ábrese, non de xeito casual, cun “Canto á Terra”. Unha terra meiga e sagrada da que Abella se confesa namorado e magoado a un tempo, unha terra de inmensa beleza, voz enxebre e chan feiticeiro. Unha Galicia “Cinsenta dos pobos das Españas”, que sufriu “o cancro do caciquismo” durante anos e que agora pide xustiza para si mesma e para un “idioma aldraxado por propios e alleos, flor como ningunha para levar no peito”.

A de Abella é unha poesía directa e clara no estilo así como comprometida e combativa no contido. Unha lírica namorada da terra e do idioma que chora por causa da emigración, denuncia o imperialismo e non dubida en defender, cando fai falta, a paisaxe da fraga do Cecebre ameazada polo AVE.

A pluma do escritor non ten tinta dabondo para loar a todos os mestres da poesía galega. Dende Rosalía, “exemplo da máis fonda humanidade” e “vítima do vexame e da inxusticia”, ata Celso Emilio Ferreiro, leal a si mesmo e á terra, pasando por Curros, Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, o capítulo das loanzas desta antoloxía queda curto para tanto sentimento de admiración que o eu poético se ve con ganas de expresar.

“Poemas de amor, loanza, condena e outros” quere ser o latexar dun pobo que defende o seu e se sente vivo, que foi emigrante pero que nunca perdeu o norte da terra que o viu nacer. É, en definitiva, un berro forte contra o racismo, a escravitude, o colonialismo e a mentira e un agarimo doce da humanidade progresista. Pero sobre todo é poesía do cotián. Por iso lle resulta tan acertada ó lector.

 

Breve nota biográfica sobre o autor

Fernández Abella é un mestre xubilado de traxectoria poética que nace en Monforte de Lemos no ano 1933. Este home de letras cursou estudos universitarios de Dereito e emigrou a Venezuela a finais da década dos sesenta. Amigo de publicar os seus versos en páxinas de xornal e poñerlles voz propia na radio e na televisión, o escritor lucense compartiu escenario poético co finado Carlos Casares, foi membro do comité organizador da universidade popular de Ortigueira durante tres anos e cultivou un interese especial pola animación cultural participando en moreas de asociacións e fundacións con sabor galego. O seu “Canto á Terra”, poema de amor co que abre a presente antoloxía de versos, foi musicado por Martínez Vieito e cantado pola soprano Dolores Cava. Publica o seu primeiro libro de poemas no 1976 ó que titula “Poemas galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas”. Dende aquela saíron dous poemarios máis ata o presente  “Poemas de amor, loanza, condena e outros”  que leva menos dun ano nas librarías.

Raquel Rios Dafonte