Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Processes of Heritage Making in Geographical Space
Portada de Processes of Heritage Making in Geographical Space

Título: Processes of Heritage Making in Geographical Space

Autor: Belén Mª Castro Fernández, Lucrezia Lopez, María José Piñeira Mantiñán (Coordinadoras)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Campus Vida

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2010

Trátase dunha compilación das ideas xurdidas no Congreso Internacional organizado polo Instituto Universidade de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e a comisión “Cultural Approach in Geography” da Unión Xeográfica Internacional (IGU-UGI), celebrada en Santiago de Compostela en xuño de 2008.
O volume vertébrase a través dun enfoque poliédrico dividido en tres partes: contextual, institucional e epistemolóxico. A parte contextual céntrase na relación entre o valor histórico e a súa capacidade de escenificar a innovación. Baixo o enfoque institucional trátase a xestión do patrimonio. E finalmente a parte epistemolóxica versas sobre a capacidade da Xeografía para ser tamén un baremo nos procesos de patrimonialización.
En conxunto, aténdense aos procesos realizados neste eido en España, Portugal, Francia, Italia, Nixeria ou na illa de Reunión. Para representar esta realidade o volume vai recollendo algunhas fotografías tomadas ao longo da historia destes lugares, así como mapas que van do século XVI ata o XIX, ou retratos actuais para testificar a conservación do patrimonio. A súa análise está composta tamén de discursos e prácticas de persoas que interactúan nun territorio determinado e contan cunha historia común propia. E isto constitúe un pulo á hora de comparar realidades e suscitar novos estímulos de cara á protección, xestión e conservación do patrimonio.

Belén Mª Castro Fernández (Santiago de Compostela, 1974) é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese dirixida por Manuel A. Castiñeira sobre “ Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto-restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985)”. Actualmente é profesora no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) da Universidade de Dublín. E a súa liña de investigación versa sobre a conversación e a protección do patrimonio cultural, o turismo cultural, os centros históricos e a restauración monumental.

Lucrezia Lopez (Bari, 1981) licenciouse e realizou un máster sobre “Ciencias da Mediación Intercultural” na Universidade de Estudo de Bari, en Italia. Actualmente, ademais de preparar a tese, dirixida por D. Rubén e Lois González é investigadora en Formación e Perfeccionamento no Programa María Barbeito. As súas áreas de investigación son a xeografía humana, a xeografía cultural e o turismo.

María José Piñeira Mantiñán (A Coruña, 1969) é doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre “A estrutura urbana de A Coruña” dirixida por Xosé M. Santos Solla e Petros Petsimeris. Actualmente as súas liñas de investigación son a estrutura urbana, os procesos de rehabilitación e renovación urbana, o urbanismo sostible, centros históricos, os turismos urbanos, a planificación e ordenación do tráfico.

Iria Ameixeiras