Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Compostella Aurea
Portada de Compostella Aurea

Título: Compostella Aurea

Autor: Antonio Azustre Galiana e Santiago Fernández Mosquera (Coordinadores)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2008

Compostella Aurea é unha edición de arredor de mil cincocentas páxinas en tres tomos -tamén dispoñibles en CD-ROM- xurdida das actas do VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO), celebrado entre o 1 e o 11 de xullo do 2008 na Universidade de Santiago de Compostela, que acolleu a case trescentos especialistas de máis de vinte países e de catro continentes. Así pois, as actas recollidas neste voluminoso libro reúnen as plenarias e contribucións presentadas no marco deste congreso auspiciado por unha das máis salientables asociacións dedicadas ao estudo das letras e da cultura hispanas.

Baixo a coordinación dos profesores Antonio Azaustre Galiana e Santiago Fernández Mosquera, do departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Facultade de Filoloxía da USC, as temáticas tratadas nas cinco conferencias plenarias e 247 comunicacións que tiveron lugar, dividíronse en catro seccións: poesía, prosa, teatro e varia. En cada unha delas recóllense por orde alfabética as contribucións dos diversos autores que interviron nas sesións ao longo dos dez días que se prolongou o congreso, que tivo como escenario o Salón Noble do Colexio de Fonseca compostelán.
 
Así pois, o primeiro dos volumes céntrase na achega poética do período que comprende o XVI e o XVII, nos que Renacemento e Barroco deron lugar a algunhas das máis valiosas xoias literarias das letras hispánicas. Xa que logo, repásanse aspectos moi diversos das contribucións e figuras máis senlleiras da época, como Calderón, Garcilaso, Lope, Góngora ou Quevedo. Ademais, realízase un achegamento a outros trazos como os signos visuais de identidade no Século de Ouro, ou o problema da censura que sufriu a transmisión de obras como Llama, de San Juan de la Cruz. Non falta tampouco unha completa revisión e “reconsideración” da crise do século XVII e da decadencia de España, en base a factores como a guerra, o clima e as catástrofes.
 
O segundo tomo profunda en temáticas moi variadas relacionadas coa prosa, dende o estudo de Grecia como espazo mitolóxico e heroico no Quijote de Cervantes ata as funcións da indumentaria na picaresca. No que respecta á primeira, obra cume da literatura hispánica, son moitos os poñentes que realizaron aproximacións a esta dende moi diversos aspectos, xa sexa para achegarse ao autor, ou ben para analizar as relacións da obra con outras novelas e literaturas previas ou coetáneas. Con todo, tamén o xénero picaresco gozou dunha gran presenza nas conferencias agora convertidas en libro, no que tamén teñen cabida a análise de personaxes e escenarios típicos da época, así como as súas pegadas na literatura actual.
 
En último termo analízase o teatro de grandes literatos como Tirso de Molina, Zorrilla, Calderón ou Lope, ao tempo que se realizan estudos sobre riscos específicos dalgunhas das obras destes e outros autores. Hai que destacar ademais o primeiro dos apartados, que versa sobre a personaxe do galego nalgunhas comedias de Lope e Tirso de Molina. Tampouco neste ámbito falta a perspectiva hisótrica e contextual, nin consideracións sobre as tendencias estilísticas, estruturais e temáticas máis presentes na época.

O último tomo pecha coa sección 'Varia', que recolle temáticas de diversa índole que abarcan dende modelos de escritura conventual feminina, ata a análise do silencio do Libro de tonos de José Miguel de Guerra ou a anotación nas obras americanas durante o período que comprende o Século de Ouro.
 
Alba Felípez.Coas xornadas sobre a etapa literaria máis recoñecida do mundo literario hispánico, a USC sumouse ao elenco de institucións e universidades escollidas pola AISO para realizar a labor que dende 1984 leva a cabo para incrementar as relacións entre expertos no terreo. O anterior encontro tivera lugar en Cambridge en 2005, e á capital compostelá sucedeuna a Universidade de Poitiers en 2011.
 
Fátima Fernández Fernández