Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Francisco Pons Sorolla: arquitectura y restauración en Compostela
Portada de Francisco Pons Sorolla: arquitectura y restauración en Compostela

Título: Francisco Pons Sorolla: arquitectura y restauración en Compostela (1945-1985)

Autor: Belén María Castro Fernández

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: 2013 Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela e o Consorcio de Santiago editan o libro Francisco Pons Sorolla. Arquitectura y restauración en Compostela (1945-1985), da historiadora Belén Castro. A obra, baseada na súa tese de doutoramento, preséntase este martes 22 ás 19.00 horas no Museo das Peregrinacións de Santiago (Praza das Praterías) coa asistencia do vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón Vilasánchez; e a autora, Belén Castro.

O libro recupera e pon en valor a figura do arquitecto Pons Sorolla (Madrid, 1917-2011) que entre os anos 1945 e 1985 realizou un inxente labor de restauración de monumentos e ordenación urbana no casco histórico de Santiago integrando as ideas de conservación do patrimonio co crecemento natural da cidade. A obra é resultado da tese da autora e conta cunha edición gráfica espectacular que inclúe máis dun cento de imaxes, planos e outros documentos que permiten dar conta do traballo desenvolto polo arquitecto. Pons Sorolla interveu nunha trintena de edificios de toda a cidade e o seu labor foi determinante para acadar a declaración de Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

A edición deste libro é froito do convenio de colaboración que manteñen a USC e o Consorcio de Santiago dende 1993 e ao abeiro do que se levan editados numerosos libros de temática compostelá.