Saltar ao contido principal
Xornal

Título: El conflicto de Iraq y el Derecho Internacional. El caso Couso

Autor: Albert Galinsoga Jordà (ed.)

Editorial: Edicions de la Universitat de Lleida e Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: 2013

O 20 de marzo de 2003 unha coalición encabezada por Estados Unidos lanzou un ataque contra Iraq. Este feito escenificou un enfrentamento entre dúas concepcións sobre o futuro da Humanidade. Por unha banda, o “modelo imperial”, no que un centro de poder (a Administración Bush e os seus aliados) aplicou os seus propios criterios á marxe do Dereito e das institucións da Comunidade Internacional, esgrimindo unha serie de pretextos que non xustifican en modo algún o uso da forza contra un pobo enteiro. E doutra banda, o “modelo federal”, que encarnan as Nacións Unidas e o Dereito Internacional. Este modelo contou co apoio explícito da “sociedade civil”, das cales as mobilizacións constituiron o fenómeno social máis importante dos últimos anos.

 
Neste contexto, o xornalista José Couso adquire un sentido especial: é un símbolo mundial da liberdade de información e do dereito a saber a verdade. Tamén é a causa dun longo e tortuoso proceso judicial promovido en España para desentrañar as circunstancias da súa morte e esixir as responsabilidades que correspondan. Un proceso aberto, logo de dúas sentencias do Tribunal Supremo e o procesamento de tres militares estadounidenses acusados deste crime de guerra, mostra que as escuras “razóns de Estado” non deben prevalecer sobre a verdade. Esta auténtica “loita polo Dereito” –como foi denominada hai 140 anos por Ihering- é un combate que libra a sociedade enteira para acabar coa impunidade e restablecer as súa propia conciencia xurídica.
 
Son múltiples tanto os ecos como as sinerxias que a familia Couso despertou a escala nacional e internacional no seu indeclinable esforzo contra o exército máis poderoso do mundo e os intereses da superpotencia que o dirixe e ampara, até o punto de impedirlle aceptar o Estatuto da Corte Penal Internacional. Mais, sen dúbida, foi en Galicia onde esta conciencia social está máis arraigada no sentir popular. Non debe ser casualidade que outro protagonista deste proceso, o General de División, Gonzalo Jar Couselo, un militar humanista tamén galego, con unha profunda dedicación ao Dereito Internacional Humanitario, teña participado intensamente no proceso que describe a presente obra até o momento da súa prematura morte. Por isto, a decidida implicación da Universidade de Santiago de Compostela na edición do presente libro representa un impulso. Así, a pesares do sufrimento, 10 anos non son nada, porque, na expresión máis que centenaria de Ihering, “prosa na rexión do puramente obxectivo, o Dereito convírtese en poesía na esfera do persoal (…) A dor que experimenta o home pola lesión do seu dereito, contén a confesión instintiva, violentamente arrincada do que é o Dereito, primeiramente o que é para el, para o individuo, pero inmediatamente tamén o que é para a sociedade humana.”

Silvia Quijeiro