Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Manuel María. Día das Letras Galegas 2016
Portada de Manuel María. Día das Letras Galegas 2016

Título: Manuel María. Día das Letras Galegas 2016

Autor: Carmen Blanco, editora

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago 2016

Este libro titulado Manuel María. Día das Letras Galegas 2016, como corresponde á marca da colección que a Universidade de Santiago de Compostela dedica cada ano á figura designada pola Real Academia Galega para a celebración das Letras Galegas, quere dar profundidade e a maior difusión á obra creativa de Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo, 1929-A Coruña, 2004), a través da edición facsimilar de dous cadernos e nove debuxos que mostran o traballo artesán dos seus versos, manuscritos, mecanoscritos, encadernacións e debuxos.

Con este obxectivo escolleuse, entre o material gardado no arquivo da Fundación Manuel María, na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, tres conxuntos creativos que, citando segundo a orde da súa entidade literaria e non a cronolóxica, tal como aparecen nesta edición, son os seguintes: o caderno manuscrito autógrafo Poemas da luz resucitada, o caderno mecanoscrito Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño e nove debuxos.

Ditos orixinais son inéditos na súa forma concreta, no caso de Poemas da luz resucitada, inéditos en libro, no caso dos versos da Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño, e absolutamente inéditos, no caso dos nove debuxos.