Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Minerva, la diosa de Compostela
Portada de Minerva, la diosa de Compostela

Título: Minerva, la diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber

Autor: José Manuel García Iglesias

Editorial: Consorcio de Santiago e Andavira Editora

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2016

Minerva, la diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber,  da autoría de José Manuel García Iglesias e editada por Andavira Editora e o Consorcio de Santiago, foi a obra gañadora do III Premio de Ensaio Histórico “Domingo Fontán”, que promoven a Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Universidade de Santiago de Compostela.

É un libro que trata sobre os diferentes centros de saber que a historia foi acumulando en Santiago de Compostela, outorgándolle un particular tratamento á Real Sociedade Económica de Amigos do País e á Universidade, aproximándonos aos retratos que atesouran, aos vítores, tanto pintados como esculpidos, a esculturas varias localizadas, ás veces, noutros tipos de ámbitos: prazas e rúas desta urbe, o Panteón de Galegos Ilustres…; trátase, en todo caso, de relacionar cada pintura ou escultura, co contexto que lle deu o seu primeiro sentido; así se recuperan, en certo xeito, as galerías de retratos que distinguiron, no seu día, ao Colexio de Fonseca ou á Biblioteca Pública. O Paraninfo da Universidade está aquí especialmente tratado. A suposta impronta que nel deixou quen houbo de ser o seu mentor -o masón Augusto Milón, secretario xeral da Universidade- leva a explicar o acabado que se lle outorgou a tan solemne espazo.

O autor, catedrático de Historia da Arte da USC e membro do grupo de investigación Iacobus, di que o Paraninfo da Universidade de Santiago foi o punto de partida que o levou a estudar espazos e obras emblemáticas da cidade, vinculadas ao saber, coa deusa Minerva como fío condutor. Na mitoloxía romana, Minerva era a deusa da sabedoría e das artes, ademais de deusa das técnicas da guerra, protectora de Roma e patroa dos artesáns.

García Iglesias titulou a publicación Minerva, la diosa de Compostela, “tratando de ofrecer unha perspectiva da cidade diferente á tradicional visión sacra dunha urbe centrada pola catedral e o Apóstolo, subliñando unha imaxe profana, personificada en personalidades do mundo das letras e das ciencias que deixaron a súa pegada en diferentes espazos da cidade”.

A obra comeza cun percorrido pola historia da cidade, a través da figura de Minerva. Detense en todos aqueles lugares onde a deusa ten presenza, como a estatua no exterior da Facultade de Química, a pintura do Paraninfo da USC, emblema da Sociedade de Amigos do País. Relaciona as obras co seu lugar de orixe, tratando de reconstruír espazos do pasado. Percorre rúas, prazas e xardíns, entidades educativas e socioculturais... Préstalle unha atención particular á Universidade de Santiago e aos seus espazos de saber. Tamén aborda a fundación e evolución da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. En tódolos casos trata aos diferentes personaxes de interese dende a perspectiva do saber.