Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Os Ensaios
Portada de Os Ensaios

Título: Os Ensaios

Autor: Michel de Montaigne

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2016

Os Ensaios de Michel de Montaigne constitúen unha das grandes creacións do humanismo do século XVI. Publicados por primeira vez en 1580 e reeditados varias veces en vida do autor, foron todo un éxito editorial e exerceron enorme influencia.

A fórmula empregada, que combina o discurso filosófico coa confesión persoal e autobiográfica e toda clase de digresións, serviu de modelo para autores posteriores e instaurou un novo xénero. Montaigne non aspira a construír un sistema filosófico e nin sequera se pretende filósofo; recea de todo dogmatismo e busca na filosofía unha moral práctica orientada a aprender a vivir o máis felizmente posible.

A maior parte desta escolma vén ocupada pola "Apoloxía de Raymond de Sebonde", reputado como o máis filosófico dos ensaios, mostra singular do escepticismo humanista precartesiano. No titulado "Que filosofar é aprender a morrer", servíndose de temas e motivos de tradición estoica, Montaigne recomenda a meditatio mortis como fórmula para aprender a vivir. No que leva o título de "Da educación dos fillos" expón as súas ideas acerca da educación, que fan del un precursor da pedagoxía moderna. O titulado "Dos caníbales", que amosa o impacto provocado pola descuberta do chamado Novo Mundo, é tamén un texto precursor, neste caso da antropoloxía social.