Saltar ao contido principal
Xornal
Portada de Víctor Said Armesto. Una vida de romance
Portada de Víctor Said Armesto. Una vida de romance

Título: Víctor Said Armesto. Una vida de romance

Autor: Carlos Villanueva

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2014

O pasado 17 de xullo  de 2014 cumpriuse o centenario do pasamento do que foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914), que destacou ademais pola súa intensa relación coa literatura, a música e a etnografía.

Aproveitando esa data, o catedrático da USC Carlos Villanueva e o seu equipo de investigación ‘ Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia’ prepararon un amplo programa de actividades e eventos, entre os que destaca o volume Said Armesto. Una vida de romance dedicado á súa orientación musical e de experto no romanceiro galego así como ao estudo da literatura popular de Galicia na relación con outros ciclos medievais, tarefa que desembocaría no acceso á primeira Cátedra de Literatura galego-portuguesa. O libro estuda tamén outros aspectos da súa afección musical como a participación no coro Aires da Terra, a colaboración con Sampedro, as súas actividades no Ateneo ou a preparación, composición e estrea de La flor del agua

A publicación foi presentada polo autor, o catedrático de Historia da Música Carlos Villanueva,experto en música e interpretación medieval, que alcanzou co seu grupo In Itinere da Universidade de Santiago os Premios Nacionais de discografía en 1984 e 1986, así como o prestixioso galardón Galegos do Mundo (2002). Foi tamén corresponsable do proxecto de Construción dos Instrumentos do Pórtico da Gloria (1989-1994).

Villanueva confesou que se sentiu fascinado dende o primeiro momento coa figura de Said Armesto, un persoeiro que non gozou nunca en Galicia da relevancia que lle correspondería. Á súa morte, indicou, as obras que tiña preparadas “desapareceron ou foron editadas tarde e mal” e “ ninguén se faría eco da súa curta pero intensa vida de estrela fugaz do pensamento español e galego de principios do século XX que tería sido para Galicia unha ponte entre intelectualidade e modernidade, como escribiu Carballo Calero”. 

A monografía permite así recuperar unha personaxe “imprescindible” no seu papel de precursor “ dos grandes movementos galeguistas dos anos vinte do pasado século como a xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos”, salientou o reitor no acto de presentación do libro que para o conselleiro “sitúa en tempo presente a dimensión intelectual e humana de Said Armesto”.

Said Armesto

Víctor Said Armesto foi continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático. Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905 –baixo a presidencia de Manuel Murguía– para constituír a Academia Galega.

Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero esas tendencias e orientacións van refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico.