Saltar ao contido principal
Xornal

Rastrexan a traxectoria xenética de Ötzi, o Home de Xeo tirolés

Actualizada: 15-01-2016 14:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os novos datos son froito dunha colaboración internacional. Foto: Istituto per le mummie e l'Iceman / Eurac

Morto hai aproximadamente 5.200 anos, Ötzi -tamén coñecido Home de Xeo tirolés- ten cada vez menos secretos para os científicos. Se estudos recentes apuntaban que podería padecer artrite e dores de xeonllos, a enfermidade de Lyme –unha infección bacteriana transmitida por carrachos-, que o seu grupo sanguíneo era o 0, intolerante á lactosa e predisposto xeneticamente a doenzas cardíacas, o traballo dun equipo internacional de investigadores de Italia, Reino Unido e da Universidade de Santiago escudriñan agora a dispersión xeográfica da súa información xenética ao longo de Europa.

O equipo de investigadores do traballo, entre os que se atopa o profesor da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga e o investigador do seu grupo Alberto Gómez-Carballa, suxire que a linaxe xenética do Home de Xeo tirolés podería ter desaparecido durante os procesos migratorios ocorridos en Europa hai 5.000 anos. Se en 2012 a análise do cromosoma Y da momia –t ransmitido de pais a fillos- denotaba como a liña xenética do pai podía identificarse en poboacións modernas, agora nun informe publicado en Scientific Reports , os investigadores rastrexan a presenza da historia xenética desta momia –unha das máis antigas e mellor conservadas en Europa- a través do estudo do ADN que se transmite por vía materna.

O informe publicado sinala como a linaxe (tamén chamada ‘haplogrupo’) K1f -identificativo da liña xenética materna de Ötzi- tense extinguido, conclusión á que os investigadores chegaron logo de comparar a información xenética da momia coa de 800 individuos procedentes da parte oriental dos Alpes italianos, na rexión de Trentino, Veneto e Friuli. Ademais os investigadores empregaron grandes bases de datos existentes na literatura científica especializada e en repositorios de datos xenéticos accesibles na web. Os resultados do equipo de xenetistas apuntan que a liñaxe materna do Home de Xeo orixinaríase nos Alpes.

En palabras do investigador Antonio Salas “o estudo tamén demostra a conveniencia de entender a variabilidade xenética do pasado á luz da variabilidade xenética existente en poboacións modernas, e como desta maneira se poden reconstruír os intrincados eventos demográficos das poboacións humanas no pasado”. Para Salas “o estudo é o resultado da aplicación das novas tecnoloxías de tratamento estatístico e bioinformático ao estudo da variabilidade humana, o que é de interese xenérico nas ciencias biomédicas”. Neste senso, o investigador explica que o rol principal do grupo da USC nesta colaboración internacional foi o tratamento e análise da información xenética e a súa interpretación.


Outras imaxes


No estudo participa o profesor da Facultade de Medicina Antonio Salas