Saltar ao contido principal
Xornal

Noveno e último concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes

Actualizada: 07-03-2016 13:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O cuarteto de corda Köner, a mezzosoprano Julia Martínez e o pianista Andrei Iliushkin pechan este martes 8 o XVIII Ciclo de Novos Intérpretes que organizan conxuntamente a USC coa Asociación Galega da Lírica. O concerto será ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade con entrada libre.

O recital comezará coa interpretación dunha peza de Schubert polo cuarteto Köner composto polos violinistas Lidia Serra e Lou Delebecque, a viola Cristina Santos e o violoncello Carlos Vesperinas. Esta formación creouse en setembro de 2015 baixo a tutela do mestre Andoni Mercero en Musikene (Centro de Música do País Vasco). Como agrupación teñen recibido os consellos da prestixiosa violista Lise Berthaud. O interese dos seus compoñentes polo repertorio de cámara levounos a participar en recitais e ciclos de cámara en España e no estranxeiro, ampliando a súa laboura na música de cámara noutras formacións. 

Os seus membros teñen recibido consellos de prestixiosos solistas da categoría de Gerard Caussé, Emile Cantor, Yuval Goltigovich, María de Macedo, Troles Svan, Bartosz Bryla, Anne-Marie Regnault e Marianne Piketty. Compaxinan a súa actividade en música de cámara co seu desenvolvemento individual como solistas cos profesores Catalin Bucataru e Keiko Wataya (violín), Eve Wickert e Natasha Tchitch (viola) e Damián Martínez Marco (violoncello). En 2016 participarán no Ciclo de Música de Cámara da Sala Kutxa.

A segunda parte corresponderalle á mezzosoprano Julia Martínez (Lugo, 1995) e ao pianista ruso Andrei Iliushkin, que interpretarán pezas de Rossini, Ottorino Respighi, Mozart, Schubert, Brahms, Schumann, Duparc, Bizet, Debussy, Falla e Rachmaninov.