Saltar ao contido principal
Xornal

A Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural favorece a inserción laboral do estudantado da Facultade de Humanidades

O alumando do grao en Ciencias da Cultura e do máster en Servizos Culturais da USC poderán realizar estadías prácticas con profesionais e empresas agromadas na AGPXC

Actualizada: 23-02-2017 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Silva, López, García e Fernández

O estudantado universitario matriculado nos estudos do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así como no máster en Servizos Culturais que oferta a USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo poderán completar estadías de prácticas laborais con profesionais ou en empresas agromadas na Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural (AGPXC).

 

Esta nova vía de colaboración entre a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Facultade de Humanidades da USC supón unha canle que posibilita a conexión directa do estudantado dos programas formativos de ciencias da cultura e servizos culturais co mundo laboral e nomeadamente coas industrias deste sector.

 

O novo acordo acadado entre a USC e a AGPXC esténdese alén da realización de prácticas profesionais titorizadas, que é o obxectivo do convenio asinado este xoves en Compostela polo vicerreitor de Oferta Docente da USC, Roberto López, e o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Alberto García Sánchez.

 

O vice decano da Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, Gonzalo Fernández Suárez, destacou neste senso a importancia do convenio, xa que ademais de garantir un primeiro achegamento dos estudantes universitarios ao mercado laboral, afianza aínda máis se cabe a xa estreita colaboración que viña mantendo o centro universitario lugués coa AGPXC.

 

Fernández lembrou neste senso que a citada asociación xa colabora coa Facultade de Humanidades na organización e celebración das Xornadas de Xestión e Mediación Cultural, así como coa participación dalgún dos seus membros no comité consultivo do propio centro.

 

O presidente da AGPXC, Alberto García Sanchez, manifestou nesta mesma liña a vontade da propia asociación de cara a seguir a ampliar esta xa dilatada liña de colaboración coa organización de diversas actividades no centro universitario, ou a través da celebración charlas de orientación y divulgación dos estudos de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ante o alumnado de secundaria etc.

 

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, a profesora da USC na Facultade de Humanidades e directora do Máster en Servizos Culturais, Carme Silva Domínguez, sinalou que esta nova liña de traballo coa AGPXC constitúe unha oportunidade engadida, ademais dun aliciente máis, para o alumnado que acude a diario ás clases presenciais na Facultade de Humanidades, así como para todas aquelas persoas que completan esta formación universitaria de grao ou posgrao a través da modalidade semipresencial.

 

A visibilización da Facultade de Humanidades, un centro da USC no que tamén se imparte o título de grao en Lingua e Literatura Española, no eido na industria cultural é, na opinión de Carme Silva, outro dos efectos positivos que reporta este convenio  coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, un acordo cunha vixencia inicial por un período de catro anos, pero que se pode prorrogar no tempo se existe interese por ambas partes.