Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC, á cabeza da universidade española en I+D+i e transferencia de coñecemento, segundo a Fundación CyD

A USC, á cabeza da universidade española en I+D+i e transferencia de coñecemento, segundo a Fundación CyD

O ránking de Leiden tamén sitúa a USC no posto 392 de entre 900 universidades de todo o mundo pola súa produción científica

Actualizada: 18-05-2017 14:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Tanto CyD como Leiden avalían as universidades polo seu rendemento investigador

A Fundación CyD e o ránking de Leiden acaban de facer públicas as súas últimas clasificacións sobre as universidades españolas e internacionais, respectivamente, cun mellor rendemento no eido investigador. No primeiro caso, a USC mantense entre as universidades públicas españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións interdisciplinares e internacionais, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende do último ránking sobre as universidades españolas que publica a Fundación CYD e no que se recollen datos do conxunto de España. De feito, na elaboración deste estudo están incluídos datos de 69 universidades, ao tempo que se analizan un total de 1.741 titulacións pertencentes a 17 áreas ou ámbitos de coñecemento diferentes.

O citado traballo sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e entre as que captan máis ingresos por licencias. O eido da investigación é outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente. Así, en 2017 a USC figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno. A produción artística e cultural e a media de publicacións por profesor son outros dos ítems analizados nos que destaca a institución académica compostelá.

A proxección e a orientación internacional da USC, cun elevado número de publicacións de carácter e impacto internacional; o carácter interdisciplinar de boa parte das investigacións e estudos, e a media de sexenios de investigación obtidos polo corpo docente da universidade son outros indicadores da USC destacados.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado que completa programas de posgrao ou máster de dous anos de duración remata este período de formación con taxas de éxito máis altas.

Leiden
De entre 902 universidades de todo o mundo, a USC ascende ata a posición 392 do ránking CWTS Leiden na súa edición correspondente a 2017. Esta é unha clasificación de institucións universitarias organizada exclusivamente a partir dos datos bibliográficos rexistrados en Web of Science durante o período 2012-2015.

Ademais da valoración global, este ránking establece clasificacións parciais para un total de cinco grandes áreas de coñecemento. O mellor rexistro da USC prodúcese no eido das investigacións relativa a Vida e Ciencias da Terra, na que a Universidade de Santiago ocupa o posto 170 de entre as mil institucións avaliadas. En Ciencias Física e Enxeñaría está emprazada na posición 375, e en Biomedicina e Ciencias da Saúde e no eido de Ciencias Sociais e Humanidades no 425, mentres que pola súa produción en Matemáticas e Ciencias da Computación estaría localizada no posto 472.

O ránking de Leiden utiliza datos procedentes de Science Citation Index Expanded, de Social Sciences Citation Index e de Arts & Humanities Citation Index. Por outra banda, non toman en consideración as publicacións derivadas de conferencias ou as publicacións de libros”, o que supón “ unha importante limitación en determinados campos, especialmente en ciencias da computación, enxeñaría ou ciencias sociais e humanidades”, aclaran o equipo responsable desta listaxe. Os promotores xustifican tamén a utilizan de Web of Science por considerar que “ofrece unha boa cobertura da literatura científica internacional e xeralmente proporciona datos de alta calidade”.