Saltar ao contido principal
Xornal  »  A empresa familiar centra do 17 ao 20 de xullo temática dun curso estival da USC na Facultade de ADE

A empresa familiar centra do 17 ao 20 de xullo temática dun curso estival da USC na Facultade de ADE

Actualizada: 21-06-2017 11:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC

‘A empresa familiar’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 17 ao 20 de xullo na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC. Estruturado en 30 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 20 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido pola profesora Begoña Barreiro Fernández.

 

Os obxectivos deste programa formativo, incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Cátedra de Empresa Familiar da USC, pasan por achegarse ao coñecemento da realidade empresarial das empresas familiares e dos seus retos, dedicándolle unha especial atención aos empresarios familiares.

 

Estruturado en 20 horas de formación e cunha marcada orientación práctica, este curso conta coa participación da directora da Asociación Galega de Empresa Familiar, Margarita Hermo. Os primeiros relatorios, que serán impartidos polo profesor da USC e secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, abordarán o concepto de empresa familiar e as súas diferenzas coa empresa tradicional. A dirección do márketing na empresa familiar e a problemática da sucesión serán outras das cuestións a analizar na xornada de apertura deste foro.

 

A visita a dúas empresas familiares asentadas no lugués polígono do Ceao, tales como Cafés Candelas e El Progreso, abrirá a programación da segunda xornada do curso, na que tamén se afondará sobre cuestións fiscais da empresa familiar e ao emprendemento. As visitas a empresas continuarán ao día seguinte cun desprazamento ata A Coruña para, de volta xa na Facultade de Ade, desenvolver distintos obradoiros de traballo sobre Inditex guiados pola profesora Carmen Redondo.

 

Unha visita de traballo a outra firma de Compostela, seguida dun relatorio na USC a cargo de Eva López Barrio, técnica da área de emprendemento da institución académica compostelá, servirán de epílogo deste foro estival.

 

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 7 de xullo.