Saltar ao contido principal
Xornal  »  Constatan matematicamente a existencia de redes cun deseño estrutural máis resistente a patóxenos

Constatan matematicamente a existencia de redes cun deseño estrutural máis resistente a patóxenos

Actualizada: 11-07-2017 12:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Fernando Alcalde, Alvaro Lozano e Pablo González Sequeiros

Supoñendo que de súpeto unha proteína se pregara mal dentro dunha neurona, que probabilidade hai de que ese prión se estendera por todo o cerebro afectado?. Esa foi a pregunta que se formularon investigadores do grupo de Foliacións e Sistemas Dinámicos da USC engadindo unha variable, pode contribuír a propia arquitectura da rede á extensión do patóxeno?.

Ata agora, sabíase da existencia de redes con arquitecturas que favorecen o proceso de invasión, non obstante o equipo do Departamento de Matemáticas e de Didácticas Aplicadas da USC acaba de descubrir que hai estruturas que reducen a probabilidade de fixación dun patóxeno con independencia da vantaxe que este posúa. Trátase dun aspecto de importancia porque o contacto dun prión cunha proteína san ou ben pregada pode reverter o proceso, aínda que a taxa de infección adoita ser moi alta. O traballo asinado polos profesores Fernando Alcalde Cuesta e Pablo González Sequeiros da USC e o profesor Álvaro Lozano Rojo do Centro Universitario de la Defensa de Zaragoza (CUD) acaba de ser publicado pola prestixiosa revista Plos One, na súa edición dixital co título Suppressors of selection.

Para o descubrimento das estruturas supresoras da selección os investigadores contaron co acceso do superordenador Finis Terrae II facilitado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na análise do proceso de invasión nos 11.989.764 grafos con dez nodos ou menos.

Cableado de redes empíricas
A publicación do artigo en Plos One coincide coa próxima publicación noutra prestixiosa revista doutro traballo dos mesmos autores onde realizan un estudo comparativo da complexidade do cableado de varios tipos de redes empíricas, incluíndo redes neuronais, circuítos integrados VLSI e outras redes tecnolóxicas como a rede telemática Internet2. Un dos obxectivos do equipo de investigadores é corroborar a idea que emerxe deste traballo sobre as diferenzas nas arquitecturas das redes cerebrais e dos circuítos lóxicos –e que afectan a súa robustez fronte á invasión de patóxenos- no caso das redes cerebrais obtidas usando imaxes obtidas por técnicas de resonancia magnética funcional ou de difusión funcional a partir do córtex cerebral de humanos e outros primates.

O proxecto conta co financiamento da Axencia Estatal de Investigación / Feder, a Xunta de Galicia a través do seu programa de axudas de consolidación para grupos con potencial de crecemento, o Goberno de Aragón e o CUD.


Ligazóns relacionados: