Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha tese estuda a viabilidade do ‘turismo consciente’

Unha tese estuda a viabilidade do ‘turismo consciente’

É unha alternativa a modelos tradicionais que busca sacarlle o maior proveito ás vivencias turísticas cun enfoque ético

Actualizada: 01-08-2017 14:25 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Eddy Castillo no acto de lectura da tese (Foto: SERVIMAV-USC)

O ‘turismo consciente’ caracterizaríase fundamentalmente pola cohesión entre a sustentabilidade e a ética, poñendo énfase nesta última co fin de lograr experiencias turística nun ámbito de respecto, responsabilidade, ética e consciencia por parte de todos os involucrados da práctica turística. Así o explicou Eddy Antonio Castillo Montesdeoca na súa tese de doutoramento realizada baixo a dirección da profesora Emilia Vázquez Rozas e do profesor Fidel Martínez Roget e que recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude.

O traballo trata de comprobar, aclara Castillo, que o turismo consciente “é unha alternativa de solución aos obstáculos que presenta o turismo e unha opción para sacarlle o maior proveito ás vivencias turísticas cun enfoque ético”. Mediante técnicas econométricas, a investigación tentou demostrar a importancia do turismo na economía da rexión conformada pola Unión de Nacións Suramericanas (UNASUR) e de Ecuador.

Os resultados deixan constancia de que o sector turismo inflúe positivamente sobre a economía da rexión suramericana e Ecuador. Concretamente, o doutor Castillo Montesdeoca aclara que “a aproximación ao concepto de turismo consciente levada a cabo conclúe que se trata dunha filosofía fundamentada na igualdade e a participación activa de todos os individuos, holística e transversal, que evoluciona do turismo sustentable e no que a compoñente ética xoga un papel fundamental”.

De xeito particular, o estudo de caso da cidade de Quito evidencia que “a proposta é aceptada a nivel da demanda turística internacional, ao lograr resultados favorables fronte á definición e caracterización do turismo consciente”. Ademais, a análise do comportamento dos turistas estranxeiros demostra “a relación positiva existente entre a percepción ética do destino, a imaxe, a calidade, a satisfacción e as intencións de comportamento”, aclara o investigador.

No desenvolvemento deste traballo de doutoramento, Eddy Antonio Castillo realizou unha aproximación profunda ao concepto avaliado mediante un estudo de expertos e a análise da vivencia turística dos visitantes estranxeiros que elixen como destino a Quito. O propósito era identificar o comportamento dos/as turistas con respecto ás relacións que existen entre as variables da ética, a imaxe, a calidade, a satisfacción e as intencións de comportamento para o que se expón un modelos de ecuacións estruturais.