Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha tese da ETSE avanza no control das emisións de contaminantes gasosos en depuradoras e plantas de tratamento

Unha tese da ETSE avanza no control das emisións de contaminantes gasosos en depuradoras e plantas de tratamento

Actualizada: 02-08-2017 10:27 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carolina Alfonsín Outeda defendendo a súa tese (Foto: Iria Lema)

Os episodios cada vez máis frecuentes de contaminación atmosférica nas cidades fai máis relevante a súa análise, co que o control, monitorización e efecto das emisións de contaminantes gasosos derivados de fontes móbiles e/ou fixas sexa unha das demandas de calidade de vida dunha cidadanía cada vez comprometida co medio ambiente. Neste contexto, as tecnoloxías baseadas en tratamentos biolóxicos, biofiltros convencionais e percoladores teñen a priori diversas vantaxes (fundamentalmente o seu baixo custo), mais compre achegar unha perspectiva global que inclúa os beneficios e consecuencias ambientais derivados da súa aplicación.

Neste aspecto centrou Carolina Alfonsín Outeda a súa tese de doutoramento ‘Life cycle assessment of air pollution control technologies and methodological improvements’, defendida este mes na ETSE e dirixida polos profesores María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo, do Grupo de Investigación de Biotecnoloxia Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química.

Como explica o traballo, a avaliación ambiental mediante a análise de ciclo de vida tratou de achegar información e así facilitar unha toma de decisións axeitada para definir as mellores tecnoloxías na monitorización atmosférica e na eliminación de contaminantes presentes en correntes gasosas das estacións depuradoras de augas residuais e nas plantas de tratamento de residuos, procurando en todos os casos unha solución global que minimizase os impactos ambientais finais.

Outro desafío que se abordou na tese foi o avance metodolóxico relativo á cuantificación dos efectos de contaminantes emerxentes de natureza orgánica presentes nestas correntes nas categorías de impacto de toxicidade humana e ecotoxicidade.

A investigación tivo o seu reflexo na publicación de diversos traballos como capítulos de libros ou proccedings en congresos así como nove artigos en revistas científicas internacionais incluídas no JCR como Journal of Cleaner Production (índice de impacto de 5,715), Journal of Environmental Management (índice de impacto de 4,010) e Science of the Total Environment (índice de impacto de 4,900). En todos eles colaborouse con investigadores de CETAQUA (Barcelona) e as Universidades de Arizona (EE.UU.), Brescia (Italia), Gante (Bélxica) e Valladolid.

Doutoramento de éxito
Coa defensa desta tese practicamente se atinxe unha igualdade de xénero (45,8% de mulleres) no número de doutoramentos do Departamento de Enxeñaría Química dende a primeira presentada na USC en 1953. Non é ata a década dos 90 cando o número de doutoras comeza a ser significativo, sendo na actualidade a porcentaxe maioritaría.

Dende o ano 2000, defendéronse neste departamento un total de 104 teses, das que 64 foron con mención europea/internacional, un grao para o que é preciso posuír un mínimo de 3 meses de estadías de investigación noutros países e que na defensa se empreguen alomenos dous idiomas oficiais da UE. Asemade, o programa de doutoramento ten como criterio de calidade interno que as teses teñan como mínimo dous ou tres artigos publicados en revistas do JCR con índice de impacto superior a 1.


Outras imaxes


Distribución de diferentes compostos orgánicos de uso farmacéuticos asociados a dúas categorías de impacto ambiental: (a) ecotoxicidade en auga e (b) toxicidade humana calculados co USEtox

Carolina Alfonsín, cos membros do tribunal e directores da tese (Foto: Iria Lema)

Foto de grupo de compañeiros da doutoranda (Foto: Iria Lema)