Saltar ao contido principal
Xornal  »  O Departamento de Enxeñaría Agroforestal e a spin-off HGBeyond Materials Science, galardoados polo Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

O Departamento de Enxeñaría Agroforestal e a spin-off HGBeyond Materials Science, galardoados polo Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Actualizada: 07-11-2017 14:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Á esquerda José Manuel Magide e á dereita Hiram Varela

O Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e a spin-off xurdida dos laboratorios universitarios composteláns HGBeyond Materials Science acadaron dúas das tres modalidades dos III Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Axencia Galega de Innovación da Xunta (GAIN). Estes galardóns recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

Na modalidade ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, o galardón recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela.

O obxecto principal do proxecto é a posta en valor dun residuo gandeiro, o sangue procedente dos matadoiros, a través da súa transformación en fariña de alta calidade, cun amplo abano de usos que van dende a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas.

A tecnoloxía que fai posible esta transformación foi patentada este ano e supón non só unha alternativa á retirada do sangue dos matadoiros, con elevados custos de xestión de residuos, senón a produción dun recurso de alto valor engadido, a fariña, que nos Estados Unidos se cotiza por enriba dos 1.100 dólares por tonelada.

A transformación do sangue en fariña é unha actividade residual en España, con resultados de moi baixa calidade xa que o proceso habitual é aplicar temperaturas elevadísimas que deterioran a calidade das proteínas. A tecnoloxía galardoada caracterízase por ser capaz de producir a fariña tratando o sangue a baixa temperatura, o que non só preserva as súas propiedades orixinais senón que supón un custo enerxético reducido. A máquina deseñada para facelo posible xa espertou o interese de matadoiros de toda España.

Lentes medicadas
Na categoría de Pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a HGBeyond Materials Science. Esta spin-off nacida na Universidade de Santiago de Compostela en 2015 baixo o nome Lentimed, desenvolveu en colaboración co Grupo I+D Farma da USC, hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

A tecnoloxía que soporta este achado está patentada en Europa, Estados Unidos e Xapón, países nos que se concentra o 70% dos 125 millóns de usuarios de lentes de contacto no mundo.

As aplicacións, que nun futuro se prevé ampliar, céntranse, en primeiro lugar, na produción de lentes de contacto brandas máis confortables a partir de hidroxeles, capaces de evitar a sequidade e a irritación que con frecuencia provocan o abandono deste tipo de correctores de visión por parte dos seus usuarios. O outro produto que a empresa ten previsto lanzar ao mercado internacional son as lentes de contacto con fármacos incorporados, deseñadas para liberar as substancias terapéuticas nas doses precisas ao longo de días ou semanas. Isto último supón unha alternativa ás formas clásicas de administración de medicamentos para doenzas oculares, coa garantía de que o fármaco non se perde no fluído lacrimal e o usuario non esquece administralo.

O terceiro dos premios concedidos foi na categoría de mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas para BorgWarner Emissions Systems Spain quen, en colaboración co grupo de Tecnoloxía Enerxética de UVigo, desenvolveu unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as fábricas que ten repartidas polo mundo.

 

Outras imaxes


Sentados, de esquerda a dereita: Susana Torrente, Carmen Álvarez-Lorenzo, Soledad Anguiano e Andrea López. De pé, de esquerda a dereita: Manuel Figueroa e Ángel Concheiro. Foto: Vía Láctea