Saltar ao contido principal
Xornal  »  Investigadores da USC participan na elaboración do primeiro código internacional de dosimetría de pequenos campos de radioterapia externa

Investigadores da USC participan na elaboración do primeiro código internacional de dosimetría de pequenos campos de radioterapia externa

Actualizada: 29-11-2017 12:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Diego-Miguel González e Faustino Gómez, nas instalacións do Laboratorio de Radiofísica da USC

Faustino Gómez e Diego-Miguel González Castaño, do Laboratorio de Radiofísica da USC, son dous dos quince integrantes dun panel de expertos a nivel internacional consultados para a redacción do novo protocolo mundial de dosimetría para campos pequenos de radioterapia externa da Organización Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) e a Asociación Americana de Física en Medicina (AAPM). O protocolo presenta o “ primer código internacional de práctica dedicado á dosimetría de pequenos campos estáticos utilizados en radioterapia”.

Como se recolle no propio protocolo, as directrices internacionalmente harmonizadas  neste campo “garantirán a coherencia mundial na administración da doses a pacientes con radioterapia e contribuirán á estandarización da dose nos ensaios clínicos internacionais, comparando os resultados de diversas modalidades de tratamento con radioterapia utilizando campos pequenos”. Integraron o panel investigadores de Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia e Suíza, ademais de España.

A contribución a este novo protocolo, explica Faustino Gómez, é o resultado dun traballo de máis de dez anos no que tamén participaron diferentes membros do grupo de investigación de Imaxe Molecular e Física Médica da USC, como Javier Pena García, Juan Pardo Montero ou Araceli Gago Arias. Na súa opinión, a participación no protocolo é “unha mostra da relevancia nacional e internacional do Laboratorio de Radiofísica da RIAIDT na área da dosimetría de radiciacións en nivel de terapia”.

O Laboratorio de Radiofísica da USC é o único de calibración secundaria acreditado en radioterapia en España e encárgase da calibración dos servizos de radioterapia hospitalarios. Grazas á recente instalación dun acelerador lineal de electróns no mesmo laboratorio, a USC converteuse na única universidade española que conta cun acelerador médico propio nas súas instalacións. Ademais, engade o seu director, o Laboratorio da USC convértese deste xeito nun dos primeiros de Europa que conta coa capacidade de calibración nos feixes de megavoltaxe usados para o tratamento dos doentes nos hospitais.