Saltar ao contido principal
Xornal

A catedrática Alicia Estévez Toranzo ingresou na Academia de Farmacia de Galicia

Actualizada: 14-12-2017 13:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A catedrática de Microbioloxía Alicia Estévez Toranzo pronunciou este mércores  no Antigo Hospital de San Roque de Santiago o discurso de ingreso na Academia de Farmacia de Galicia. Coa lección ‘Acuicultura sustentable: da quimioterapia á vacinación’ a profesora Estévez Toranzo fixo un percorrido pola innovación tecnolóxica experimentada na acuicultura nas últimas décadas como factor determinante na mellora desta actividade. A intervención foi contestada polo tamén profesor da USC Tomás González Villa.

O coñecemento xerado e a innovación tecnolóxica aplicada nos últimos anos na acuicultura “ foron cruciais para mellorar esta actividade de forma ética e responsable ofrecendo produtos sans, seguros e de calidade”, sinalou a académica. Neste progreso, a doutora Estévez Toranzo subliñou a incorporación de programas de vacinación na acuicultura o que redundou nun “descenso considerable” no uso de antibióticos nos países desenvolvidos, co consecuente aumento sustentable da produción.

Na súa lección, Alicia Estévez sinalou como novos retos de vacinación en acuicultura o desenvolvemento de vacinas vivas e vacinas ADN a pesar das restricións legais, especialmente en Europa para poder chegar ao seu uso comercial. O desenvolvemento dunha vacina para a prevención dunha determinada patoloxía que causa importantes perdas económicas en acuicultura, con vistas á obtención do rexistro sanitario para a súa comercialización, “é un proceso laborioso a escala de laboratorio que implica diferentes pasos antes da súa transferencia á industria farmacéutica”.

Estévez Toranzo
A catedrática de Microbioloxía co dirixe o grupo de investigación en patoloxía de animais acuáticos, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. É doutora en Bioloxía e licenciada en Farmacia pola USC. Realizou estadías pre e posdoutorais nas universidades de Maryland e Oregon. Entre 2004 e 2013 foi directora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía e dende 1999 coordina o programa de doutoramento en Avances en bioloxía microbiana e parasitaria. Algunhas das súas liñas de investigación principais son a caracterización fenotípica e molecular de patóxenos bacterianos, análise epizootiolóxico, estudos moleculares de factores de virulencia de patóxenos bacterianos e desenvolvemento de estratexias para a prevención e control de enfermidades de peixes.

É autora de 272 artigos así como de 22 capítulos de libros. Licenciou 8 patentes de uso en Acuicultura e participou en 46 proxectos autonómicos, nacionais e europeos así como en 15 proxectos de desenvolvemento tecnolóxico financiados por entidades públicas e privadas. Dirixiu 16 teses de doutoramento e impartiu 48 conferencias nacionais e internacionais en congresos, mesas redondas e obradoiros ademais participar no comité de expertos nacional e internacional en diferentes comisións de avaliación de proxectos. Ademais é membro activo de dez sociedade científicas e da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Dende 2014 é académica de número da Real academia Galega de Ciencias.