Saltar ao contido principal
Xornal

Constituída DIME-Lab, primeira spin-off de Ciencias da Educación na USC

Actualizada: 30-01-2018 13:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da primeira spin-off en Ciencias da Educación na USC

O grupo de investigación Stellae lidera unha nova empresa de desenvolvemento e análise de medio educativos a través da constitución da spin-off DIMElab. A nova sociedade toma como punto de partida a experiencia do grupo ao longo de máis de 20 anos de experiencia en formación e desenvolvemento profesional, organización educativa, inclusión socioeducativa, materiais didácticos e tecnoloxía educativa.

DIMElab ofrecerá servizos de asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía, e desenvolve todo tipo de recursos didácticos entre os que se inclúen os denominados serious games (xogos serios para educación e formación). Tamén destaca a realización de probas ou análises de produtos didácticos para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica.

O obxecto desta nova spin-off xorde tras o traballo de Stellae coa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) que axudou a transferir os resultados de investigación do grupo ao mercado e ante as necesidades sociais detectadas na actualidade. Neste senso, o grupo considera que o sector educativo e profesional está inmerso nun proceso de transformación onde é necesario o desenvolvemento de novos medios educativos, ademais da necesaria formación en competencias dixitais da sociedade en xeral ou a necesaria actualización do profesorado en metodoloxías activas superando ou complementando ás tradicionais e a crecente demanda de serious games para centros educativos, institucións e empresas.

A empresa, con sede no edificio Emprendia en Campus Vida, constitúena na actualidade preto de dez persoas, entre socios/as, xerencia e persoal con demostrada experiencia profesional no sector da educación e da tecnoloxía.


Outras imaxes


O equipo promotor da nova empresa parte da experiencia acumulada polo grupo de investigación Stellae