Saltar ao contido principal
Xornal

O conselleiro de Economía visitou no edificio Emprendia as instalacións de HGBeyond

Actualizada: 09-03-2018 12:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Paloma Cabello explica parte do proceso que se desenvolve nos laboratorios de Emprendia á comitiva, co reitor e o conselleiro en primeiro termo. Foto: Servimav-USC

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, xunto co reitor Juan Viaño visitaron este venres 9 as instalacións na USC da compañía HGBeyond no edificio Emprendia. Esta é unha compañía dedicada ao desenvolvemento de lentes de contacto medicadas promovida pola profesora Carmen Álvarez-Lorenzo e o catedrático Ángel Concheiro. A empresa parte da investigación en hidroxeles con propiedades especiais destes dous investigadores e traballa agora dende Compostela na comercialización internacional de lentes de contacto con capacidade para liberar fármacos de forma controlada no ollo.

Na visita ao Edificio Emprendia participaron tamén a socia e presidenta de HGBeyond Paloma Cabello; así como Francisco Moreno e Pepa Limeres, en representación da Fundación Marcelino Botín; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), José L. Villaverde; e a técnico da mesma área, Susana Torrente.

A USC, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, ten a misión de dar soporte e acompañar ao persoal investigador de todas ás áreas na creación de valor dos seus resultados co fin último de seren útiles para mellorar a calidade de vida da cidadanía e que a investigación repercuta deste xeito na sociedade. Neste senso, como lembrou na visita o reitor Juan Viaño, “HGBeyond exemplifica perfectamente este proceso de valorización de resultados de investigación da USC e o seu traslado ao sector industrial, pero ademais é un caso que merece unha especial mención polo seu percorrido”.

Viaño lembrou que dende a súa posta en marcha en 2015, a empresa ten colectado importantes fitos, o primeiro “a obtención de 500.000 euros para a realización dunha proba de concepto a través do programa Mind The Gap da Fundación Marcelino Botín, acadado sen dúbida pola elevada calidade da investigación desenvolvida polo equipo de Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Concheiro Nine e do traballo conxunto no seo da USC para levar cara diante o desenvolvemento desta tecnoloxía”. O reitor tamén destacou a incorporación ao proxecto de Paloma Cabello, actual presidenta da sociedade, polo seu recoñecido prestixio internacional en materia de investimentos en innovación.  Outro fito destacado foi a concesión dun proxecto Neotec por parte do CDTi, unha axuda Torres Quevedo do Ministerio de Economía ou a axuda Principia da Axencia Galega de Innovación, ademais de diferentes premios nos últimos anos.