O Consello da Xunta de Galicia acaba de facer pública a súa decisión de conceder a Medalla
Castelao 2018 á catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso. Esta é unha
distinción que a administración autonómica outorga a galegos e galegas cuxa obra en calquera faceta
da actividade humana se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Ademais da docente
da USC, recibirán a Medalla Isabel Aguirre de Úrcola, Jesús Domínguz Fernández, Xesús Mato Mato e o
colectivo de carteiros rurais de Galicia (Correos).
María José Alonso é autora de 240 publicacións científicas con máis de 13.000 citas (factor h
67) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade do seus traballos levouna a situarse entre
os dez investigadores máis importantes do mundo en Farmacoloxía, segundo o ránking internacional
Times Higher Education en 2010, sendo a investigadora española máis influínte en Farmacia e
Farmacoloxía, de acordo co ránking do índice h.
O laboratorio de María José Alonso ten liderado numerosos descubrimentos no campo da
Tecnoloxía Nanofarmacéutica. Ademais, a profesora Alonso coordinou varios consorcios de
investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación
Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacional, cinco deles
financiados pola Comisión Europea.
Ao longo da súa carreira leva recibidos numerosos premios, entre os que destacan o premio
Jaume I de Novas Tecnoloxías, o premio Maurice Marie Janot, o premio Nóvoa Santos e o María Josefa
Wonenburger. É membro de tres academias en España: a Real Academia Nacional de Farmacia, a Real
Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, ademais da pertencer á Academia
de Medicina de Estados Unidos. Ademais, recentemente foi elixida presidenta da Controlled Release
Society (CRS), a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito do sistemas de
liberación de fármacos e nanomedicina. Igualmente foi designada para forma parte da Academia
Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixioso ‘ College of Fellows’ do American Institute
for Medical and Biological Engineering (AIMBE) de Estados Unidos.