Saltar ao contido principal
Xornal

A problemática da ordenación e a xestión territorial en Galicia, a debate no Ibader no marco dunha sesión aberta do Máster Terra

A sesión, que contará coa participación dos colectivos Ergosfera, 1aun e Fundación Ría, desenvolverase o luns 8 de outubro ás 16.00 horas e está aberta ao público interesado

Actualizada: 04-10-2018 11:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

A ordenación e a xestión territorial de Galicia centrará o luns 8 de outubro no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) de Lugo unha sesión aberta de debate ao abeiro da programación académica do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (Máster Terra) da USC.

 

A xornada, que se desenvolverá a partir das 16.00 horas, na aula Luciano Sánchez García do Ibader, está aberta á participación de todo o público interesado pola problemática derivada da ordenación e xestión territorial, un función principalmente pública na que interveñen as universidades na vertente de investigación e innovación, e as administracións, no que atinxe ao deseño e execución de políticas.

 

Alén da intervención destes axentes públicos no referente a xestión e ordenación territorial, nos últimos anos están a xurdir cada vez máis pequenas cooperativas de traballo, empresas e mesmo fundacións que, ademais de ofrecer servizos de consultoría para a elaboración de plans, tamén reflexionan sobre cuestións de organización territorial de xeito máis vocacional.

 

Tres das principais organizacións operativas en Galicia neste ámbito, tal e como o son o colectivo Ergosfera, 1aun e Fundación Ría, estarán representadas neste foro aberto organizado ao abeiro do Máster Terra na sede universitaria luguesa. Os relatores convidados a participar nesta sesión abordarán, entre outras cuestións, os principais problemas que presenta a ordenación do territorio en Galicia, ao tempo que analizarán os escenarios futuros previstos de persistir estas problemáticas ou se xorden outros inconvenientes. A análise das alternativas actuais para corrixir esta situación e a proposta de medidas que se poden activar para evitar complicacións futuras, será outro dos eixes sobre os que afondará esta sesión.