Saltar ao contido principal
Xornal

Un dos pais da Teoría de Cordas, Gabriele Veneziano, abrirá a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Actualizada: 06-11-2018 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel das actividades da Semana da Ciencia

O físico italiano Gabriele Veneziano, autor do primeiro artigo científico da historia sobre a Teoría de Cordas, abrirá o luns 12 o programa de actividades da Semana da Ciencia que organiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). No auditorio Abanca (r/ Preguntoiro, 23) a partir das 20.00 horas, Grabiele Veneziano rememorará os 50 anos da publicación do traballo polo que está considerado un dos pais desta teoría da Física coa conferencia ‘Teoría de cordas: vida, morte e milagres’. Na súa intervención, aberta ao público en xeral e con tradución en tempo real, contará a historia e explicará os conceptos básicos deste modelo fundamental na física moderna.

Esta será a primeira das diversas actividades que os IGFAE ten previsto desenvolver entre os días 12 e 16. As seguintes citas serán unha edición monográfica de Nerd Nite co lema ‘Especial Teoría de Cordas’, a celebrar o martes 13 a partir das 21.00 horas na Nave de Vidán e a charla de Hans Bantilan sobre ‘Buratos negros’ para estudantes de física, o mércores 14 na Aula Magna da Facultade de Física a partir das 20.00 horas.

Xa o xoves 15 será a quenda do Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, nunha sesión a partir das 18.00 horas na que se resolverá a competición  de monólogos científicos e se entregarán os premios das categorías de artigos e experimentos, demostracións ou aplicacións móbiles. De xeito paralelo, entre os mércores 14 e o venres 16 desenvolverase un ‘Curso de Comunicación Científica’ a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón e Héctor Urién para o que é preciso realizar inscrición previa e que está dotado cunha carga lectiva de 13 horas.

Ademais destas actividades, persoal investigador do Instituto impartirá esta semana e en datas próximas conferencias en distintos centros de ensino secundario de toda Galicia para dar a coñecer a actividade que se desenvolve no IGFAE.