Saltar ao contido principal
Xornal

Cine, debates e maratón de natación na axenda feminista da USC para este mércores

Actualizada: 05-03-2019 13:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de santiago continúa esta semana con numerosas accións a prol da igualdade entre homes e mulleres. Este mércores 6 será a quenda do deporte, a reflexión e o cinema.

En Lugo, o foro de reflexión sobre temas de actualidade ‘Encontros de Lúa Chea’, unha actividade promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, organiza a proxección do filme ‘Tódalas mulleres que coñezo’ ás 19.00 horas no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. A proxección da cinta estará seguida dun coloquio aberto no que participarán as protagonistas do filme e veciñas de Lugo.

‘Tódalas mulleres que coñezo’ pon o foco sobre situacións de violencia que socialmente tenden a non valorarse pero que lle meten o medo no corpo a millóns de mulleres cada día, tal e como pode ser o caso da percepción e emprego do espazo público. Xiana do Teixeiro, a directora deste filme rodado na capital luguesa, pon en evidencia a través de conversas con distintos grupos de mulleres, o masculinizada e violenta que continua a ser a rúa hoxe en día.

Maratón de natación
Pola súa banda, o Servizo de Deportes organiza o reto ‘24 horas nadando pola Igualdade de Xénero no deporte, unha iniciativa que carece de carácter competitivo e cuxa finalidade é erixirse simbolicamente contra a discriminación de xénero e, de xeito particular, no deporte.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 6 anos que deberán acudir á piscina da USC provistos de bañador, gorro e ‘chanclas’ en calquera horario do evento. Ademais será necesario asinar o manifesto pola igualdade e a participación da muller no Deporte presentado polo Consello Superior de Deportes e dispoñible nas propias instalacións universitarias.

Debates
A xornada de mañá contempla tamén dúas sesións de reflexión. Unha delas, organizada por alumnado, terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e será un debate sobre economía de xénero no que participarán as profesoras Rosa María Regueiro, Eva Aguayo, María Xosé Rodríguez e Pilar Murias

Xa pola tarde, ás 20:00 horas na aula 8 de Xeografía e Historia, desenvolverase o coloquio A muller na universidade. Precariedade, conciliación e teito de cristal organizado pola asociación estudantil ANEGA. Participarán nel Sara Ribeiro, Alba Nogueira, Lourdes Sesto, Aldara Cidrás, Leticia Carrera e Laura Camino.

Exposicións
Paralelamente a estas accións puntuais, existen outras con carácter máis duradeiro no tempo. Así, a Facultade de Xeografía e Historia acolle no segundo andar a exposición Malvadas Princesas Putas. Construción do feminino no cine, e Ciencias Económicas e Empresariais ten xa en marcha a campaña Perchas 8M ‘O/s meu/s motivo/s para ir a folga’ ademais de dedicarlle este mes o seu Póster de mulleres economistas relevantes a Jane Marcet.

Xa en Lugo, a EPSE acubilla a exposición fotográfica ‘As veciñas opinan do Monte Xalo’ e a mostra de poesías ‘Voces de muller’, 32 textos colocados na entrada das aulas e seminarios.