Saltar ao contido principal
Xornal
Portada libro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país
Portada libro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país

Título: Rodríguez Cadarso.Un reitor para un país

Autor: Manuel R. Bermejo (Coordinador)

Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

Lugar e ano: Santiago de Compostela 2008

A publicación, na que colaboran historiadores, literatos, químicos, médicos, xeógrafos, filósofos ou avogados, recolle desde moi diversas ópticas as escasas pegadas atopadas de Cadarso durante o proceso de produción da mostra. Así, Rafael Sixto comeza describindo a vida e obra de Cadarso dende o seu nacemento en Noia ata o seu pasamento nun accidente de coche. Pola súa banda, Antom Santos e Lourenzo Fernández analizan o seu comportamento político estudando, a través da súa actividade, a incorporación do institucionalismo, do galeguismo e do republicanismo á Universidade de Santiago.

As actuacións no seu período reitoral a través da prensa local entre 1930 e 1933 estúdanse no artigo de Prudencio Viveiro, que profunda na súa intención galeguizadora. Da súa figura institucional universitaria escribe o tamén ex reitor Darío Villanueva, que resalta do seu antecesor o seu espírito innovador.

A figura científica de Cadarso é o obxecto de análise do artigo de Fernández Teijeiro, mentres que Ricardo Gurriarán desgrana os obxectivos do seu programa de goberno durante os tres anos que foi reitor.

Continúa a publicación coa faceta política do noiés a cargo de Emilio Grandío e Baldomero Cores. Por último, Rubén Lois e María José Piñeira escriben sobre o transcendental papel de Cadarso na creación e realización do Campus, concretamente a residencia de estudantes.